Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Se o vello Sinbad tivese fillos

Terapia de grupo sobre todas esas pequenas cousas de pequenos que fan que pais e nais nunca deixemos de ser bolseiros
Sobre o blog  

Bolsas barriguitas 2012

É escoitar falar dos Barriguitas e virme á cabeza aquela frase: “Espelalme, espelalme, que yo también quielo subil!!”. Lembro canto me facía sufrir aquel anuncio do tiovivo dos Barriguitas no que sempre querían deixar en terra á coitada da chinesa. Do porqué non teño nin idea; o que está claro é que de xenófobas non as podemos acusar, que a negra e a india xa estaban enriba.

Lembro tamén o que lles gustaban ás nenas da miña xeración os Barriguitas. Non sei se polo tamaño, polos accesorios e a roupa que se lles podía mercar ou porque había Barriguitas de todo tipo: á parte das xa citadas razas, había ninfas, ananos, astros, flores, bolboretas, gnomos, bruxas, fadas, bebés… mesmo unha que andaba.

Pero, como con case todo, o conto cambiou e hai uns anos deulles por reeditar a boneca, non sei se con moito éxito pero si con moi mal gusto. Aquí tedes un antes e un despois:

E, se nos 70’s anunciaban un tiovivo, agora anuncian un Estudio de TV.

“Moito máis bonitas as de antes”, diredes as nostálxicas. Si, si, pero preguntádelle ás vosas fillas se prefiren esas bonecas cursis de fazulas prominentes, pelo duro que case había que peitear cun raño, e que vestían como nun episodio de Cuéntame, ou a nova loira sepsi de longa melena, con eses ollazos que nin a Carbonero e cochazo de superluxo, que máis ca unha boneca parece unha it girl (anana, si, pero it girl ao fin). Probablemente dirán que o que prefiren é unha Monster High.

Ao que ía: non sei se os novos Barriguitas teñen éxito ou non; o que si sei é que na súa web sacaron un programa de bolsas co que podes gañar ata 600 € para axudar a financiar actividades extra escolares como campamentos de verán, cursos de idiomas ou calquera outro tipo de actividade educativa, destinadas a nenos e nenas entre os 3 e os 10 anos.

A verdade é que o das Becas Barriguitas soa a chiste, pero a idea non está mal. É algo así como a Chispas das bolsas.