Sei que con todo o que ven a continuación voume meter nun xardín, que vou xeneralizar baseándome en experiencias persoais e de achegados sen ningún valor estatístico e que moitos membros do colectivo profesional ao que me vou referir pódense sentir insultados. Así que, antes de empezar, quero deixarlles claro a todos os matróns e matronas responsables, respectuosos e que exercen a súa profesión con cariño e coñecemento -sei que existen- que a cousa non vai con eles.
Imos aló. Esta mesma semana tiven visita coa matrona que sigue o meu embarazo. Unha peculiaridade desta matrona é que, por un malentendido que non foi tal, resulta que non me pesa. Cando comentei esta circunstancia con outras embarazadas, os seus ollos, en xeral, reflectían envexa: todas ou case todas temían o momento de subir á báscula na consulta da matrona e, sobre todo, de baixar dela e ter que escoitar o sermón ou bronca da profesional en cuestión. Nalgúns casos por pasarse e noutros por quedarse curtas. Parece que ningún peso é un bo peso para unha matrona. O caso máis extremo comentoumo unha compañeira de natación prenatal que, malia estar sometida a un réxime alimentario estrito pola súa diabetes xestacional, tivo que escoitar que quizais estaba a pasarse coa súa inxestión de calorías. Os formatos dos sermóns, retransmitidos polas pacientes pacientes, inclúen desde ameazas de morte sobre os bebés por culpa da inconsciencia da nai ata despectivos “move o cu e pecha a boca”. Xusto a mensaxe reconfortante e educativa que toda embarazada -unha persoa caracterizada pola súa ausencia total de medos e culpabilidades- precisa.
Como dicía, esta semana tocoume a quenda. A matrona que me segue o embarazo non me pesa, senón que son eu a encargada de dicirlle canto peso, en teoría para que eu mesma me pese sen roupa e sempre á mesma hora antes de acudir á consulta. O que a miña matrona non sabe é que non dispoño de báscula en casa e o que fago é pasar pola farmacia ou transmitirlle o peso da última consulta no xinecólogo, que este si me pesa. Pois ben, resulta que segundo os seus correctos cálculos, nos sete meses e medio de gravidez que levo enriba, gañei outros tantos quilos: exactamente sete e medio. O que coincide matematicamente coa recomendación xenérica de engordar un quilo por mes de embarazo. Pois con todo e con iso, tiven que escoitar que debería ter coidado de non engordar demais, e sobre todo, que non me puxese cega de froitas de óso, que todas as embarazadas cando chega esta época non poñemos finas de froitas de óso e as froitas de óso engordan moitísimo. Supoño que será mellor substituílas por donuts.
Eu xa sei que non son médico, nin teño ningún tipo de experiencia no seguimento sanitario de embarazos, pero o que teño entendido -lido, sobre todo- é que un aumento de peso de entre oito e doce quilos nun embarazo dun só neno é o que se considera normal e recomendable. Non vexo cal é a miña desviación desa pauta, e, sendo sincera, dáme un pouco igual. Porque teño a sensación de que o control do peso é tomado en moitos casos como un fin en si mesmo e non como unha ferramenta para controlar o estado de saúde de feto e embarazada. Se en ningún momento se me dixo que debía ou non debía comer, ou se me preguntou sobre a miña dieta, se a miña matrona non sabe se vomito todo o que meto no corpo ou se fago algunha clase de exercicio, etc. non creo que estea autorizada para xulgar se o meu aumento de peso supón unha práctica de risco ou responde a unha total irresponsabilidade cara o meu embarazo. E permitídeme falar por min e por todas as miñas compañeiras ás que, nalgún momento, lles rifaron sen criterio por engordar demais -ou por quedarse curtas- sen máis valoración que o número que devolve a báscula: deixade de utilizar o peso das embarazadas como os gobernos utilizan a prima de risco!
Se algo lles gusta aos nenos son as celebracións. Festa, festivais, leria total.
Tódolos anos celébrase o día das letras galegas día no que a xente saca o orgullo patrio e onde se aporveita para estender a cultura que nos rodea e amosarlla a todos, especialmente aos máis cativos.
Na rúa, nos concellos e sobre todo nas escolas é onde se dan a meriande parte de actos e festas neste día un día que cómpre para lembrar que existimos.
Tróuxenvos ( pola parte laboral que me toca…) algunhas ligazóns dos traballos feitos por e para nenos/as que amosan pezas marabillosas adicadas a Paz Andrade.
A árbore das letras CEIP Barrié de la Maza. Santa-comba
Poema: no CEIP San Pedro de Visma
Mp3 (hai para IES)
Escolma poética:
“Veño da Morte”
Galegos, meus irmaos,
veño de ter co-a morte.
Sin o agardar unha vez mais atopo
o ventureiro empalme con a vida.
Estóu na singladura do retorno,
con ollos recuncantes na alborada,
tímpano a se tremer en libres odas,
pernas reencanadas para andar
os camiños resucitados.
Veño da morte, irmaos, e no fardel,
pouco trouxen pra vos:
cicatrices de ferro nas palavras
Por se non a coñecedes, quero presentarvos unha inciativa moi interesante, baseada na reciclaxe e no consumo responsable e intelixente, pero dedicada exclusivamente aos bebés, aos nenos e ás premamás. Falo de Creciclando, ou, o que é o mesmo, unha rede de troco de roupa, xoguetes e accesorios na que os membros ofrecen cousas que xa non lles valen a cambio doutras que lles interesen.
O sistema de troco son os puntos e o funcionamento é moi sinxelo: previo rexistro, ti subes á web as cousas que xa non utilizas e o sistema valóraas de xeito automático cun determinado número de puntos que logo ti poderás empregar para adquirir outros obxectos que necesites, pagando unha cantidade mínima pola xestión e, por suposto, os gastos de envío.
Como é lóxico, todo o que subas debe estar en perfecto estado. De todos é sabido o pouco que nos gusta aos pais usar nos nosos pequenos cousas de segunda man, pero a vida está moi mala e a iniciativa é máis que interesante. Ademais, a tontería de “este bodi regaloumo Conchita, que dixo que a súa nena só o puxera unha vez, pero a min dáme nonseiqué poñerllo á miña cuchiña” pásanos cando, ao ir cambiala por enésima vez no día, decatámonos de que os corenta bodis novos que lle mercamos no H&M están na lavadora porque a cuchiña en cuestión saiu cagona.
No YouTube tamén atopei un vídeo onde explican todo estupendamente. Tamén teñen blog, páxina de facebook, twitter… así que, se queredes máis información xa sabedes onde buscar.
E agora que, creciclamos?
Eu tiña outra cousa preparada para hoxe. Pero lendo os xornais, de boa mañá, atacoume este titular no País: “Polémica portada de ‘Time’ sobre la lactancia materna”. E claro, non puiden facer menos que cambiar de idea e improvisar isto que ides ler. Aviso que, como o leite do peito, sae directo de dentro e máis ben quentiño. Sen pasteurizar.
Non me ofende o máis mínimo a portada da revista Time, ou polo menos non me ofende a imaxe de portada: unha muller aleitando a un fillo que se ten de pé. Non me ofende que sexa loura, nova e atractiva: non creo que teña menos dereito a visibilizar a súa lactancia por ese motivo. Quizais non me ofende porque eu aleitei ao que está fóra durante quince meses -ano e cuarto para os que contan neses sistema-, o que por raro que pareza no meu entorno considerouse e séguese a considerar unha lactancia prolongadísima, malia quedar ben lonxe dos dous anos que recomenda a OMS. Quizais non me ofende porque o meu único motivo para abandonar a alimentación ao peito foi querer evitar un conflito territorial no meu sostén entre o que está dentro e o que está fóra cando o primeiro tivese prioridade. Quizais non me ofende porque considero raro que o feito de comer en público sexa unha práctica non só aceptada senón ritualizada polos adultos e que os nenos deban esconder os seus hábitos alimenticios: non son tetas, son bocadillos. Por todo iso, paréceme ridículo que o redactor cualifique a imaxe de polémica. Pero basta unha busca en Google, para entender que non é unha licencia poética: a portada é efectivamente tema de discusión en moitos medios e redes sociais.
Pero hai máis cousas que a imaxe nesa portada. Cousas que si me ofenden, e moito. En primeiro lugar, hai unha intención de conflito nesa portada, xa que o contido da reportaxe parece ser un perfil do Dr. Sears, teórico da chamada crianza con apego, e sobre persoas que practican estas e teorías, e non unha reportaxe en profundidade sobre os beneficios ou desvantaxes -se é que as hai- da lactancia prolongada, ou -deus os libre!- sobre a necesidade de implantar e facer respectar permisos de aleitamento que permitan perpetrar lactancias prolongadas cos correspondentes beneficios para a saúde pública -refírome sobre todo á prevención de cancros xinecolóxicos- e as economías privadas. Como xornalista xornaleira, podo asumir que é unha portada e busca vender exemplares -quen di vender, di obter publicidade gratuíta- ilustrando o que os editores consideran o máis chamativo ou provocativo do contido da reportaxe. O que pasa é que me ofende que a estas alturas da liga -xa saben, países nos que se ignoran os dereitos humanos, nenos abandonados en países teóricamente desenvolvidos pola imposibilidade de asumir economicamente a súa alimentación, cartos dos cidadáns indo a parar a rescates da banca- o tema de alimentar ao peito poida ser o máis impactante dunha publicación.
Oféndeme que os editores o consideren así e oféndeme -indígname, preocúpame- que teñan razón. Hai case dous anos, El Mundo conseguiu resultados similares coa portada para a súa reportaxe sobre as nais-vacas -aínda que nese caso si que considero a imaxe ofensiva por si mesma-, e vese que non avanzamos.
Tamén me ofende, e moito, esa incontrolable tendencia a identificar crianza -como responsabilidade case exclusiva da nai- e aleitamento, e a calibrar a calidade da primeira en función da duración do segundo. E iso tamén está presente na portada de Time, no titular “es nai dabondo?” asociado a esa imaxe. Para quen non o teña claro, dar o peito é un método de alimentación -que si, que inclúe contacto físico e emocional, pero como valores engadidos aos puramente nutritivos-. Sei que son precisamente os grupos máis defensores da lactancia os que promoven estas ideas, pero eu -que me descubrín moito máis lactivista do que imaxinaba- non podo apoialos. A miña “prolongadísima” lactancia foi a escolla da preguiceira, que non quería medir caciños nin quentar biberóns de madrugada, que tiña un bebé que engordaba a velocidade de cruceiro e chuchaba dos bicos como unha esponxa e quedaba saciado durante tres horas ou máis, que tiña un pediatra que a felicitou por escoller dar o peito e lle facilitou documentos informativos, que cada día producía de excedente lácteo máis de cuarto litro (menos mal que non lle aplicaban a cota)… que, en resumo, non tivo que facer ningún tipo de sacrificio para manter ese tipo de alimentación. Pero non todas as lactancias son así: hai nenos que, pola razón que sexa non engordan, ou que nunca teñen dabondo, ou que fan feridas insoportables nos peitos da nai ou que non entenden que teñen que facer con aquel peito xigante que teñen diante. E hai nais que superan todo iso cunha vontade que dubido moito que eu tivera, e nais que priorizan a súa saúde mental -a falta de sono, a presión de non facer outra cousa na vida que ter un neno colgado do peito- para poder ocuparse do neno sen traumas. E hai nais que non o intentan sequera polos motivos que sexa -pode que non os comprenda todos- pero que exercen a súa responsabilidade cos fillos en todos os outros eidos da crianza con matrícula de honra. E tamén hai pais. Que non teñen a posibilidade de aleitar -se non é tiraleites e biberón mediante- e non creo que por iso queiran menos aos seus fillos ou os críen peor. Para quen non o teña claro, aleitar ou non implica tanto cariño polo fillo como implica escoller carne de polo ou de coello para cociñarlle á familia: non serás mellor pai ou nai porque coman unha cousa ou outra, se esa decisión non forma parte dun proceso global de compromiso emocional e educativo cos fillos.
Así que, para medios interesados en facer caixa no futuro muxindo o peito da lactancia, recomendaríalles humildemente que se centrasen e informar, en reflexionar por que é necesario que existan asociacións de apoio á lactancia materna, en analizar como inflúe a decisión de aleitar na vida laboral das mulleres e con que apoios ou atrancos contan, cales son os beneficios nutritivos e de saúde reais deste método de alimentación e cales son os intereses económicos que hai detrás tanto da alimentación de fórmula como desta nova tendencia ao aleitamento por riba de todas as cousas. Grazas.
PD. E para os que esteades no trance da lactancia ou prelactancia, tres consellos de lactivista:
Hai costumes tan arraigadas e tan nosas que as que veñen de fóra hai quen pensa que semellan unha parvada, iankadas, perdas de tempo ou que non teñen oco na nosa idiosincrasia. Pola miña banda hai tempo que algún deses costumes desexo que se practiquen de forma normalizada.
Que imos na procura de ovos polos xardíns das nosas cidades? vale, que nos disfrazamos de monstros no “samaín”?, estupendo. E se facemos unha “Gender Reveal Party”? pois ale, ide preparando as tortas que alá imos. A min me pilla algo lonxe este tema ao igual que o Baby Shower pero o que nun principio acae como algo tolemio, pode ser unha maneira de celebrar para os non crentes a benvida do novo membro da familia.
O GRP ten para mín máis aquél que o BS xa que este pode caer no cursi e hortera. O GRP non ten máis que o sexo do bebé non é revelado polo/a xinecólogo/a senón polo pasteleiro/a (quen recibe o sobre selado co segredo) que fai unha torta na que tingue de azul ou rosa o biscoito en cuestión. Os pais non o saben e cando parten a torta…tan tatachán!
Aínda que hai quen prefire facelo con globos porque o helio mola moito. (podes poñer esa voz apitufada que todo o mundo quere ter nalgún momento da súa vida)

Pero hai outros detallas que rodean ao GRP que o fan especial (porque o é) e son, a posta en escea, a decoración, os motivos (en rosa e azul…clarostá) de agasallos e bueno, porque a partires dese momento xa empezas a visualizar o que levas na barrigola. Xa non é un ente, lentella, becho, garabanzo, alien, refén...senón Él ou Ela.
A que esperades? FESTA RACHADA!
Facer agasallos é algo que me encanta (de feito, gústame case tanto coma que mos fagan a min), pero hai ocasións en que non vale regalar calquera cousa e o asunto hai que curralo. Neste caso, a ocasión non era outra que celebrar o noso primeiro Día da nai, así que, logo de varias semanas rompendo a cabeza, e coa teima de que elas deixaran o listón moi alto o Día do pai, decidín (por min e por Violeta, que a pobre aínda é pequena para tomar decisións deste tipo) dividir o regalo en tres partes que lle iriamos dando (ou ela mesma iría descubrindo) ao longo do día:
A primeira -moi pouco orixinal pero moi agradecida- foi servirlle na cama un delicioso almorzo a base dun fermosísimo e saborosísimo brownie de chocolate con noces. E como esta finde tocou visita á casa dos sogros, conseguín facelo nun marco rústico, bucólico e incomparable, sen ter que gastar un can alugando unha casa rural.

A segunda -moito máis orixinal e emotiva- veu un chisco despois, cando as manciñas aínda torpes de Violeta déronlle un espectacular broche que Conchita ha vuelto a beber fixo a partir dunha foto dela (de Violeta, non de Concha) e dos seus primeiros borranchos sobre un papel. O broche vén fermosamente presentado sobre un debuxo de Iván r (que, para quen non o saiba, é o autor da cabeceira deste blog) e, por se todo isto fose pouco, enmarcaron o orixinal e regaláronme a min un pin co mesmo motivo. Hai xeito no mundo de agradecer todo isto???

E a terceira -que estará descubrindo agora mesmo- foi dedicarlle esta entrada no blog. Porque Elvi é a nai máis estupenda, a que pode pasar trinta e seis horas ao día con Violeta e parecerlle pouco, a que nos coida, a que nos mima, a que nos quere con todo o seu corazón e á que nós tamén queremos con loucura. Porque tiña razón cando dicía que na casa facía falla un bebé. Porque é tan nai que é quen de dicir que non lle gusta o chocolate por deixarnos o último anaco. Porque se xa eramos felices antes da chegada de Violeta, esa felicidade multiplicouse por tres. E porque, se como din por aí, “Madre no hai más que una (ningunha en Canarias)”, Violeta ten a sorte de ter a mellor.
Feliz primeiro Día da nai, Elvi! Querémoste mil!!
E con sete meses cumpridos de gravidez, chegou o momento máis temido polos pais: mercar un medio de transporte para o bebé. No meu caso, moi soberbia eu, pensaba que a experiencia de ter herdado e utilizado un co primeiro fillo me liberaría de toda incerteza, que sabería perfectamente o que quería e o que non, e que non cumpriría realizar ese mestrado en prezos, medidas, características de pregado, tamaño de rodas e demais trebellos que pode chegar a equivaler a uns 30 créditos ECTS, iso si, que non che convalidan en ningures. E claro, errei. É certo que o que aprendín con primeiro cocheciño é impagable e é algo que calquera pai nesta fase debera ter claro: non existe ningún perfecto, con sorte existe un que se adapta razoablemente as túas necesidades. No meu caso -no noso caso: o meu, o do meu home, o do que está fóra e o do que está por saír- a prioridade era clara: tendo en conta que imos ter que levar o vehículo nunha man e un aprendiz de rampante de doce quilos na outra, ou engadirlle un patín ou trebello similar á estrutura para carretar aos dous irmáns de vez, e que é posible que teñan que caber dous trastos deses no maleteiro do coche, queríamos algo compacto, lixeiro e cómodo. A eses requisitos principais habería que engadirlle un prezo non abusivo: límite mental de setecentos cincuenta euros o conxunto de silliña máis capazo -reciclamos o portabebés do máis vello para a seguridade no coche-. Así que coa axuda dunha fabulosa folla de cálculo comparativa, de entre a inxente cantidade de propostas do mercado sobreviviron tres finalistas. Aló nos fomos, a comprobar en directo -nesa sinistra referencia comercial saturada de oferta para pais e futuribles das rías altas que é Ali Bebé- as características das candidatas, que procedo a presentar, por se algún de vós coincidise en necesidades-:
seño completamente diferente: metal cromado e liñas depuradas, nada de ferraganchos polo medio, trátase dun vehículo urbano, isto é, relativamente pequeno e manexable, pero non apto para terreos irregulares polas rodas pequenas -co que iso dificulta subir catro banzos ou embarcalo nun autobús-. A gran diferencia respecto as outras dúas competidoras é a posibilidade de instalar ao neno mirando cara os pais ou no sentido da marcha unha vez que xa está na fase de ir sentado. Ademais, a altura do manillar é regulable e a cadeira permito deitalo completamente total. En directo me sorprendeu o compacto do seu pregado -non diminúe no ancho, pero mesmo coa cadeira instalada queda practicamente plana- pero me decepcionou un pouco o pequeno tamaño do capazo e a escasa altura á que se sitúa o neno.
or de gran capacidade, a resistencia da estrutura a 23 quilos, e unha condución lixeirísima para unha cadeira que serve tanto de primeira como de segunda idade. No caixón das desvantaxes, fundamentalmente a dúbida se a súa estrutura de tela ofrece o soporte axeitado para as pequenas costas dun bebé, sobre todo despois dunha experiencia co que está fóra na que tivemos que desfacernos do primeiro cocheciño porque o rapaz ía máis desmaiado que sentado. Ademais, o prezo sumándolle os complementos -plásticos de choiva innegociables neste clima e barra dianteira protectora- roza o límite mental establecido. Pero a verdade é que coller a cadeira por un asa e que quede pechadiña de todo é unha tentación irresistible…A visita foi hai case dous meses, pero como unha das cousas máis difíciles de ter fillos -quero que collan unha libretiña e anoten o número de veces que vai aparecendo esta frase nos meus artigos para que ponderen a miña escasa credibilidade- é ter que decidir cousas sen criterio e sabendo que as túas circunstancias actuais non serven para os próximos dous meses, pois o tema quedou aparcado. Agora que a sensación de que o que está dentro pode estar fóra case en calquera momento, a dinámica consumista púxonos outra vez en marcha e sopesando pros e contras parece que imos quedar con esta última opción, convencidos pola exhaustiva demostración de características que nos ofreceron esta vez en Kidy Froh!, onde mesmo nos permitiron probala co patín posto. Tendo en conta que vai ser o único que lle merquemos ao de dentro, ben podemos xogar no límite. Pero as dúbidas, por suposto, non acaban aquí: ¿na versión de tres ou catro rodas?¿en que cor?¿cun patín con asento ou de ir de pé?¡Señor, dános criterio!
Co permiso da xente de Qadriños, quixera facervos un par de recomendacións de Banda Deseñada ideais para -como ben digo no título- nais e pais noveis ou que estean a piques de selo.
A primeira, que acabo de coñecer grazas ao blog de Banda Deseñada Cómics, é 40 semanas, crónica de un embarazo (Thule Ediciones), un álbum que narra en primeira persoa as experiencias da propia autora, Glòria Vives, durante o seu período de xestación.

Glòria é, ademais, autora do blog La Júlia al dia, no que ilustra de xeito xenial o día a día da súa maternidade, e tamén dunhas simpáticas ilustracións que foron publicadas hai pouco no blog De mamas & de papas e que podedes ver aquí: Esas posturas taaaaaan de madre/Esas posturas taaaaaan de padre. Non sabedes o identificado que me sinto co “pai sherpa”!!
Por outra banda, El retorno a la tierra (Manu Larcenet e Jean Yves Ferri, Bang Ediciones) é unha serie de catro libros (a versión en castelán do quinto está en preparación) que xa lin hai tempo pero dos que non quero deixar de facer unha recesión polas risas que botei e o ben que mo fixeron pasar (e tamén polo moito que me identifiquei co protagonista nalgunhas páxinas), sobre todo o volume 3. El vasto mundo, onde vemos como lles cambia a vida á parella formada por Manu e Maria ante a futura chegada dun bebé, e o 4. El diluvio, onde se contan os primeiros días de Carlota.

Moi fan!
Se aínda non sodes pais e non vedes próximo o momento de selo, tamén podedes lelos ou, por que non, agasallalos, que aínda que os que reciban os agasallos nos sexan lectores habituais de BD, estou seguro de que han gozar con calquera deles tanto como o fixen eu. E, por suposto, agora que se achega o Día da nai, é moito máis orixinal que regalarlles outra vez a colonia de Carmen Sevilla, aínda que acabo de atopar unha oferta boísima e moi tentadora dun estoxo que trae a colonia, un bodymilk e un xabón. Mágoa que non inclúa tamén unha sesión de estilismo co seu tapiceiro!
Creo que xa o dixen veces dabondo, así que non o vou repetir. Pero iso non me impide, marabillas da lóxica ou da falta dela, crer con todas as miñas neuronas na avoidade. Si. Nos pais que teñen fillos que son pais. Non é que crea que existen: sería dun positivismo certamente abraiante. É que estou convencida de que todos eles comparten un sentir maioritario, que a súa maneira de xestionar esa complexa situación -sobre todo no emocional- de ter netos e netas, de ser pais en segunda volta -reais ou imaxinarios-, os une moito máis do que os separan a vida e as circunstancias.
Así, por exemplo, creo que a inmensa maioría de avós e avoas, independentemente do que pensasen dos seus fillos, consideran que o seu neto ou neta son os máis algo -guapos, listos, simpáticos, repoludos-. Que a inmensa maioría de avós e avoas desenvolven una sensibilidade especial e obsesiva para algún risco concreto -fame, frío, afogamento, vermes intestinais…- que supera todas as barreiras da lóxica e o entendemento humano, e que experimentan temores que nin sequera imaxinaban cos seus propios fillos. Que calquera avó ou avoa biolóxico ou emocional sofre un rexuvenecemento físico e mental que lle permite superar limitacións máis aló do verosímil: artríticos a catro patas con criaturas de quince quilos ao lombo, xordos ao 90% escoitando o máis mínimo choro do bebé no berce dous habitacións e catro portas máis aló… Que calquera avó revisa as súa dispoñibilidade temporal e económica, situando sempre á nova xeración por riba das súas propias necesidades. Que mesmo os máis toxos expresan pola súa descendencia en segundo grado o seu cariño de forma evidente, pública e notoria, coméndoos a bicos en canto o neto baixa minimamente as defensas. Que todos eles teñen chegado ao convencemento -probablemente a costa do pano- de que o goce e o amor incondicional son as ferramentas educativas máis útiles, frutíferas e satisfactorias. En definitiva, que os avós e avoas reais se parecen moito moito ao ideal social de avós e avoas. Con todos os seus tópicos.
E creo, por riba de todo iso e precisamente por todo iso, que cumpren unha función indispensable e sempre infravalorada na educación dos nosos fillos e fillas, tanto de forma directa como indirecta, ao educarnos a nós como pais: non só concedendo caprichos e perdoando pequenas perrenchas, senón ensinándonos que debemos conceder caprichos e perdoar pequenas perrenchas, lembrándonos con todas as ferramentas das que dispoñen -incluíndo fotos e anécdotas vergoñentas- que nós tamén fomos fillos. Creo que é un asunto, unha situación vital, á que se lle debería dedicar moito máis tempo e pensamento -sociólogos en paro, bríndovos un tema-, para colocar no sitio que merecen a todos eses avós que son máis pais que os pais, para axudar aos pais a comprender e integrar aos avós a distancia, e sobre todo para non limitalos e estereotipalos na labor de canguro de balde moitas veces explotados sen alternativa -cada vez máis, co imparable recorte en servizos sociais e a perda de poder adquisitivo das familias- e ignorando as necesidades tanto físicas como emocionais.
Baséome, por suposto, na pouquísimo científica e sempre desprezable experiencia persoal, á que sumo algunha testemuña emprestada: nuns pais que responderon con todo o escepticismo do mundo a nova de que se ían graduar como pais e ían entrar nun novo banzo da responsabilidade xenealóxica -“que se lle vai facer?”, foron as súas palabras- e que agora exercen de namorados do que está fóra e mesmo temen pola súa inminente perda de privilexios; nuns pais que se pasaron a miña vida advertindo que eles non ían coidar netos e agora collen número na porta para poder pasar noites sen durmir aínda que os pais non teñamos ningunha cita social inescusable; nuns pais con tan pouco tempo libre coma min ou o meu home que están co meu cativo no parque neste mesmo instante para que eu poida escribir estas liñas despois de botar unha soneca. Para eles e para todos os avós e os que exercen de avós o meu infinito agradecemento e unha petición: que non esquezan o inseguros que se sentían cando criaban aos seus fillos e o difícil que era negar certos desexos ou manterse firmes ante unha decisión educativa antes de dar un consello, afirmar que por un azucre non morre ningún neno -apelando ás técnicas coas que eles se criaron e alimentaron: todos con alcohol, tabaco ou unto antes dos tres anos de idade- e ignorar as directrices dos pais ou mesmo desprestixialas ante os pequenos. Que sexan todo o avós que desexen, e que teñan sempre presente que son imprescindibles e responsables de axudar aos pais a que os nenos crezan todo o felices posible. Por adiantado, grazas por poñérnolo fácil.
Cando unha remata os estudios e aproba as asignauras das linguas pensa, ou cre que pensa, que está capacitada para manter unha conversa mínimamente comunicativa e entendibel con todo o mundo. A linguaxe é correcta, corrente e convencional e mantemos esta habilidade durante o tempo no que estás sen descendencia, ata que pares, punto exacto onde empeza a decadencia, na cúspide Gaussiana.
Si, meus e miñas. Segundo estudios científico-lingüísticos a mutación silenciosa da linguaxe comeza a manifestarse dunha maneira gradal e non hai tempo de evitala ou correxila ata que é demasiado tarde.
Hai síntomas que a delatan, si, mais só os que non teñen fillos poden advertilos.
Síntoma 1: Cando todo o que se diga, cantaruxe ou fale cara ó bebecho, comeza cunha voz tremendamente pitufada que frases coma: “Que tal estás, meu amor?” pasen de ser algo cariñoso a imaxinarte a pitufiña falando. Esta voz en boca de adultos sobrepasa o ridículo.
Síntoma 2: Palabras “neo-cativas” que converten as conversas dos que teñen fillos nunha enumeración de marcas de leite, bibes, cueiros, roupa, carros en meras competicións sobre se son melllores ou non, se lle aleitas ou non, cómo aleitas etc… vaia, que os que non estean familiarizados cos temas van pensar que aquelo é unha reunión de estudiosos do Klingon.
Aviso á xentiña de ben: este tipo de conversas só permiten os 5 min de rigor e desfogue, máis aló, cheiran.
Síntoma 3. Os que temos fillos nunca rematamos unha frase ou conversa coherentemente. Cando vas na compaña de alguén que non ten cativos os diálogos semellan proprias dunha peli surrealista e algo tan trascendental como: “Escoitaches que David Lynch vaise adicar á…-Legado Xenéticoo, por aí non que vas caer!!
O contertulio queda pampo pensando que o lynch vai facer un traballo muscial titulado: Ollo, vas caer”… pero non, porque a outra volve dicindo: - perdoa, por onde ía?.
Síntoma 4: A programación infantil modifica hábitos, costumes e músicas. Os que antes faciamos dos sábados á noite un cinema (cine? que é iso?) ahora o cine non só é na casa senón que Al Pacino foi substituído por: Nemo, Lóstrego McQueen e Kung-fu Panda. Ou que as estrelas da tele xa non sexan as simpáticas de antes coma os fraguels senón Dora la exploradora, falando en linguaxe “neo-parvo) (noutro post fareille un xuízo inxusto).
Así que se ves que algún dos teus amigos para facer unha gracia di que é quen de falar en baleo, ti sorrí e tira para adiante.
Síntoma 5: O derretemento neuronal, por falta de sono, crea unha incoherencia esponxiforme que se evidencia en lagoas mentais polas que acabas sustituíndo palabras que antes tiñan sentido por onomatopeias ou comodíns como: esto, aquelo, chinfanfanito, o couso, e pffff que aforran esforzo e cansazo. (famosa é xa a frase: “Aquélame aquelo, porfi, que teño que marchar”).
Síntoma 6: Transformacións absurdas, debidas tamén ao cansancio, que fan que a túa linguaxe se convirta nun código coa túa parella. (aconsello non sacar estas frases fóra da casa…polo que poidan pensar)
Exemplo de frase: “Pásame a saca coas cousas de limpar o cu”. Transformación: ”Pásame a saca do cu” e remata en: ”Pásame o do cu”.
Exemplo dous: “Voulle facer un biberón”. Transformación: “Voulle facer un biber” e remata en: ”Vou polo Justin”*
Exemplo tres ( e último): “Trouxen a bolsa cos xoguetes e comida por se acaso no coche se pon roncha”. Transformación directa: Sinalas a bolsa e dis: “Ronchamento”.
O outro día dínme de conta que eu estaba totalmente mutada e que padecía tódolos síntomas que nomeo, e algún extra, cando fun prender o meu ordenador e comecei a cantaruxar: “Mozilla, mozilla”
Pero non vos preocupedes, voltarei cunha cura!
P.D: sei que mentei a bicha falando do Bieber, mais todo é porque este ano estou farta de oílo xa que as miñas alumnas son, “home non, súper-fans!”